Saturday 20 de April de 2024

A Xunta destinou máis de 20 M€ en tres anos a axudar a 10.500 familias galegas a mellorar e facer máis accesibles as súas vivendas


— A provincia pontevedresa concentra a terceira parte dos inmobles que desde 2019 se beneficiaron do programa do Instituto Galego da Vivenda e Solo para o fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade de vivendas

— Ángeles Vázquez subliña a aposta do seu departamento pola rehabilitación residencial e anuncia que este xoves convocará as novas axudas do PREE 5000, dotadas cun orzamento de 1,83 millóns de euros para o vindeiro exercicio

— O Goberno galego mobilizará case 17 millóns de euros en 2022 a través de cinco liñas para financiar obras de rehabilitación enerxética e dun fondo de apoio á súa xestión

Máis de 10.500 familias galegas beneficiáronse nos tres últimos anos das axudas da Xunta para o fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas existentes, un programa a través do cal xa se concederon 20,2 millóns de euros en subvencións.

Durante unha visita a Pontevedra para coñecer os traballos executados nun dos edificios beneficiarios, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, resaltou a importancia deste tipo de actuacións de rehabilitación xa que melloran a calidade de vida dos veciños achegando “solucións a problemas e carencias reais”.

A modo de exemplo, referiuse ás obras acometidas no inmoble Nosa Señora da Esperanza, unha construción do ano 1982 con catro plantas e baixo comercial na que grazas á achega de 60.000 euros do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) se levou a cabo unha completa reforma dos ascensores e a eliminación de barreiras arquitectónicas. “Nun edificio como este, con 24 familias e no que conviven mozos, parellas con fillos e xente maior, axudamos a facerlles a vida máis doada, xa que achegamos ata o 40% da actuación para que o esforzo que teñen que facer os veciños sexa menor”, explicou.

Neste sentido, a conselleira incidiu na importancia deste tipo de axudas destinadas a favorecer a rehabilitación de vivendas unifamiliares e colectivas a través de obras que buscan na meirande parte dos casos mellorar a accesibilidade pero tamén renovar o seu aspecto xeral ou convertelos en lugares máis seguros para os seus residentes.

Deste xeito, no marco das tres últimas convocatorias do devandito programa —2019, 2020 e 2021—, indicou que o IGVS xa leva concedidas 1.387 subvencións das que se beneficiaron un total de 10.511 vivendas, tendo en conta que en moitos casos os solicitantes son comunidades de propietarios que piden a axuda para intervir sobre inmobles residenciais de tipoloxía colectiva.

Ademais, tamén resaltou que a terceira parte dos beneficiarios —concretamente, 394 axudas e 3.548 vivendas— pertencen á provincia de Pontevedra, subliñando en especial os datos da cidade do Lérez, cun total de 60 subvencións por importe de preto dun millón de euros, que permitiron actuar sobre 756 vivendas no referido período 2019-2021.

Nova convocatoria de axudas
Para continuar con este “esforzo” e a súa aposta pola rehabilitación do patrimonio construído, Ángeles Vázquez avanzou que o próximo ano mobilizaranse case 17 millóns a través de cinco programas de axudas destinados a subvencionar actuacións de restauración e eficiencia enerxética en contornas residenciais, na liña marcada pola UE, así como dun fondo para brindar apoio económico na xestión das diferentes liñas.

A convocatoria do primeiro destes programas, o PREE 5000, sairá publicada no DOG este mesmo xoves, 4 de novembro, aínda que segundo avanzou a conselleira os interesados terán que agardar ata xaneiro para poder solicitar as axudas.

Cun investimento de case 3,8 millóns de euros para o período 2022-2023 —1,83 millóns de euros reservados á convocatoria do vindeiro exercicio—, trátase dun programa para actuacións de rehabilitación enerxética en concellos de menos de 5.000 habitantes.

As actuacións subvencionables deberán realizarse en edificacións existentes e construídas antes do ano 2007, xa sexan vivendas unifamiliares ou edificios de tipoloxía residencial colectiva, ou ben vivendas dun edificio consideradas individualmente.

Así mesmo, os traballos a acometer co fin de reducir os consumos e as emisións asociadas a este tipo de construcións de uso residencial deberán encadrarse nunha ou en varias das seguintes tipoloxías: mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica; mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; e mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.